domingo, 28 de abril de 2013

3 anos

Os meniños de 3 anos A e B tocan instrumentos comigo de pequena percusión. Temos no cole unha chea deles e eu levei uns cantos máis, así que é moi divertido. O que pasa é que fan un barullo impresionante! ;)



A vaca marela

Os nenos e nenas de 5 anos van bailar A vaca marela, todo un temazo parodia.Sacounos unha foto Elena, a coidadora de infantil.
Déixovos a letra aquí por se queredes ensaiar o tema:



Eu teño unha vaca marela
que é o demo a condenada,
presume de vaca moderna
e non quere traballar
ela canta, con acento,
de mulata brasileira
hai que vela,
como move
as cadeiras ao andar
puxo a permanente no rabo
e deulle esmalte aos cornos
ela di que quere medrar cunhas medias de cristal
Ela canta, con acento de mulata brasileira
hai que vela, como move as cadeiras ao andar.
Nin dá leite nin dá nada
dá patadas á canada,
a herba xa non lle vai
quere palla integral
Ela canta, con acento de mulata brasileira
Hai que vela, como move as cadeiras ao andar…

E o vídeo, aínda que o baile non vai ser exactamente así,a partir do minuto 1:40:

 

Profe, ponnos rock!

Os meniños e meniñas de 5 anos o xoves pasado pedíronme rock. Algunhas nenas quitaban os lazos e bailaban cos pelos soltos, os nenos facendo solos de guitarra e pasámolo moi moi ben! O tema que lles puxen é I love rock and roll, pero este We will rock you empregámolo en clase cos maiores para ver diferentes esquemas rítmicos con percusións corporais.

Folk

O xoves estivemos repasando os intrumentos tradicionais da música galega en 3º B, aproveitando que Brais é un fenómeno da pandeireta e Moisés do tambor. Estes instrumentos forman parte da nosa cultura. Julio de 4º A toca varios deles e baila; Raquel de 6º B, Carlota, coa que vou montar algunha sorpresa para o festival, Sabela, a de 3ºA etc. tamén toca a pandeireta e Pablo de 6º B está aprendendo a tocar a gaita. Estivo ben que no anterior festival bailasen unha muiñeira e tocasen unha peza de pandeireta. Teñen moito mérito os nenos e ás nenas porque non é nada doado bailar muiñeira se non estás acostumado, mais con ilusión e esforzo todo se consegue nesta vida. A música galega non debe morrer!

Ballet

Estou encantada co ben que bailan as nenas de ballet e Suso. Teño que darlle as grazas a Aitana especialmente por axudarme a coordinar o ballet, coa actuación musical de frautas e instrumentos Orff para o vindeiro festival de música. Desta vez, incluímos á pequerrechiña de Clara, de 3ºA, que o fai xenial. She is so lovely! Suso tamén é un bailarín fantástico. Sacou Matrícula de Honra no Grao Elemental.

Lembro que alá polo primeiro trimestre fun ver a María Carolina, a Cristina, a Aldara, a Alba,a  Carmen,a Lucía,a Judith,a Laura e a Aitana a unha actuación ao auditorio de Cangas e emocioneime moitísimo. Estou moi orgullosa de que as miñas alumnas teñan tanto potencial e talento á hora de bailar. Transmiten sentimentos coa sua delicadeza e esfórzanse moitísimo, porque xa sabemos que o ballet é moi duro. Ademais, elas son tan riquiñas! Quérovos bailarinas!

Aos pequenos de infantil gústanlles as cancións do Cantajuegos, como esta:


Zumba 3º B

Os alumnos e alumnas de 3º B de primaria van bailar Zumba, unha canción tradicional portuguesa adaptada ao galego, semellante a esta, pero con outro baile. Non atopei o orixinal... Seguro que finalmente o fan moi ben no festival, pero na clase algúns son un chisco fedellos, aínda que todos son fantásticos.

Blowing in the wind -outra versión-

Como xa vos comentei os nenos e nenas de 6º ensaian Blowing in the wind, coa frauta, teclado ou guitarra, voz e imos meterlle unha harmónica que tocará Carlos. Tamén lles ensinei esta versión de Alanis Morissette, ademais da de Bob Dylan, que como sabedes é un cantautor norteamericano imprescindible na historia da música.
Estamos vendo a pronunciación coa axuda tamén das profes de inglés, Mariví e Rani, a tradución etc.. para mellorar a competencia en inglés.
Os rapaces de 4º da ESO están ensaiando con Marcos "Lágrimas Negras", unha versión da de Buena Vista Social Club. Tamén hai outra do Cigala. O martes xa comezamos a ensaiar todos e todas con diferentes instrumentos e voces. Ese son cubano!

viernes, 26 de abril de 2013

As rapazas e rapaces de 6º están ensaiando Blowing in the wind para o festival, coa frauta e coa voz.  Algunhas aventaxadas coma Lara e Uxía xa a tocan coa guitarra. Con este mesmo instrumento, moitos deste curso e algún máis ensaian a tradicional portuguesa O sancristán de Coímbra. Esforzáronse moitísimo os alumnos de guitarra que levan vindo dende xaneiro nos recreos do mediodía. Quérovos rapaces e rapazas! Parabéns. Outros, xa saben tocar A mañá só con vela escrita na pizarra doutro ensaio doutro curso.
Tendes que perdoar pero os problemas técnicos fan que non poida poñer  os vídeos que facemos na clase neste blog de música e que aos nenos tanto lles gusta verse despois no ordenador...  Díxome un profe experto en informática, Ángel, que era moi complicado... Unha mágoa!

Campanitas

Os nenos e as nenas de 4º de primaria están preparando unha actuación chulísima de Campaíñas (Campanitas) con frauta, instrumentos de placas ou Orff (xilófonos e metalófonos), violíns, teclado trompeta e baile con acrobacias. A historia desta canción é que Mozart escoitaba de pequeniño á súa nai cantarlle esa melodía popular polas noites: dodo sol sol la la sol....  Agora teño que felicitar a maioría dos rapaces de 4º que se están portando moito mellor. Bailan, Alicia, Marta, Alba fenomenal, por exemplo; tocan instrumentos bastantes coordinados e estudan frauta na casa. Parabéns rapaces....
   Os nenos e as nenas de 4 anos ensaian a canción do Polo Pepe para o festival. A vindeira semana xa vou facer con eles as diademas coa axuda da profe Inés que me buscou o debuxo. Na clase eu tócolles a guitarra e eles cantan a canción con xestos e baile. É moi divertida, a ver se vos gusta. Xa vos paso a letra a semana que vén para que a cantedes coa familia os que queirades... E non das un salto! ;) Non a puiden descargar para o blog, pero se buscades en youtube, está como O Polo Pepe.

Silencio, ensaiamos...

Xa comezamos os ensaios para os novos festivais da semana cultural do cole. Estamos os profes moi ilusionados esforzándonos para que todo saia ben. Teño que felicitar aos cativos e ás cativas que o están facendo xenial. Aínda que rapaces e rapazas, xa sabedes que na vida o traballo e a dedicación teñen a súa recompesa. Neste caso, coas notas e ao sentirse ben con nós mesmos  e mesmas é fundamental... Así que moito ánimo e seguide así! Que non teña que levantar a voz, que de tan to cantar, estou un chisquiño afónica...